Sen dúbida os primeiros meses de 2013 serán intensos para a asociación folclórica e cultural Orballo de Pontedeume, xa que en apenas un mes editarán o seu primeiro disco e organizan –na vila dos Andrade e Ferrol–, o Congreso Nacional da Federación de Asociaciones de Coros y Danzas de España (Facyde).
A primeira das dúas citas será o próximo 2 de marzo, sábado, na Casa da Cultura de Pontedeume. No antigo convento de San Agustín presentarase “Orballo”, o primeiro cedé da entidade. Trátase dun traballo dirixido por Carlos e Natalia Martínez coa decisiva intervención do compositor Adolfo Seara “Fito”.
Os alumnos maiores do grupo da entidade interpretan unha ducia de temas valéndose non só das pandeiretas, senón de instrumentos como violíns ou guitarras eléctricas buscando un son máis folk e incluso aproximándose a outros ritmos como os de Brasil. O volume inclúe dez composicións, algunhas elaboradas polos responsables do proxecto e outras procedentes de material recollido pola entidade ao longo do tempo. Así mesmo, este primeiro traballo discográfico da entidade folklórica inclúe o vídeo de “Eume”, un tema composto por Carlos Martínez e Adolfo Seara “Fito” hai un ano tralo incendio que padeceron as Fragas do Eume.
Novas propostas
Como salienta o presidente de Orballo, Eduardo Mourelle Botana, “non queremos estancarnos musicalmente. Esta entidade comezou a traballar en 1979 defendendo o pasado pero no século XXI queremos abrirnos a outros ritmos e propostas sen renunciar á tradición. Ademais estamos moi satisfeitos porque o disco estará listo para presentar no congreso de Facyde os días 8, 8 e 10 de marzo”.
Fuente: Diario de Ferrol